Regulación da escalada en Donón

Publicado por ESGalicia o 06/07/2018.

Coa chegada do período estival, as zonas costeiras como a de Donón convértense na opción preferida por moitos de nós para desfrutar da práctica da escalada. Por esta razón, e dada a tranquilidade que supón para @s practicantes, comprácenos informarvos da resolución emitida pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio ante a solicitude elaborada e presentada por ESGa en xullo do ano pasado, e á cal se sumou a Federación Galega de Montañismo.

Pola devandita resolución, CONCÉDESE autorización previa permanente e revisable para a zona de escalada de Donón. Isto quere dicir que nesta zona se considera permitida a práctica da actividade, sempre e cando non se demostre un prexuízo medioambiental, sen necesidade de solicitar unha autorización de carácter nominal con 15 días de antelación cada vez que se pretende escalar.

 

Aínda que algúns puntos da resolución nos parecen mellorables, esta supón un paso moi importante de cara a lograr unha regulación da escalada razoable, consensuada e satisfactoria para todas as partes implicadas.

Grazas a todos os que dunha forma ou outra colaboráchedes en facer posible este gran paso! Federación Galega de Montañismo, Club AROMON Pontevedra Montañeiros A Roelo, Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia, Club Montañeiros Celtas, Xunta de Galicia, Concello de Cangas do Morrazo.

Etiquetas
Donón
Escalada en Donon
Escalada en Donon