Publicación definitiva do PRUX da Serra da Enciña da Lastra

Publicado por ESGalicia o 11/09/2019.

O pasado luns 9 de setembro, esta Consellería sorprendeunos coa publicación definitiva do PRUX da Serra da Enciña da Lastra, ao cal ESGa tamén presentara alegacións en xaneiro deste ano, e motivo polo que representantes da asociación se reuniron o 29 de xaneiro cos recentemente nomeados directora xeral de Patrimonio Natural, Belén María do Campo Piñeiro, e o subdirector xeral, Juan Gómez Apesteguía.

Desde esta reunión, nun principio satisfactoria, non se deron os avances acordados nela (nin sequera se nos entregou o prometido informe sobre unha especie endémica que nos amosaron).

E dicimos que nos sorprende porque, a pesar da comprensión e concordancia expresada polos responsables ante as pretensións clave de ESGa, lamentablemente o texto do PRUX non experimentou alteración algunha no referente á escalada. Esas pretensións, de xeito moi resumido, non son outras que as relativas á consabida solicitude onde:

- En lugar do actual enunciado preventivo (que se fixo en base ao descoñecemento da actividade) e permanece inalterado desde 2002, se contemplase a posibilidade dun estudo de campo axeitado e específico das posibles afeccións da actividade.

- Se dera cabida á posibilidade dunha regulación destinada a acoller a compatibilidade posible da práctica da escalada conxugándoa co contexto de preservación dos valores naturais do espazo.

Comeza a parecer que as voces que falan dunha Consellería reactiva en lugar de proactiva, que desatende competencias e responsabilidades e se move só perante a presión dos calendarios sancionadores europeos, intereses mediáticos e se prega ante grupos de poder menos dignos, poden ser voces que non van tan desencamiñadas.

En ESGa non perdemos a esperanza en que estes ou uns futuros responsables queiran dar con un xeito para unha boa administración desta actividade, sen temores nin preguiza á hora de facer fronte á posibilidade dunha regulación para unha actividade como a escalada.

Correctamente regulada, a escalada non só ten cabida neste e noutros espazos naturais protexidos, senón que pode, tal e como está demostrado noutros lugares que lles mostramos, beneficiar os obxectivos principais polos que foron declarados como tales.

Etiquetas
Parque Natural Serra da Enciña da Lastra Ourense
Escalada en Serra da Enciña da Lastra
Escalada en Serra da Enciña da Lastra