O noso equipo está formado por persoas voluntarias repartidas por toda a xeografía galega. Poderás atoparnos en Vigo, Pontevedra, Santiago, A Rúa de Petín, Bueu, Ourense, Negreira, A Coruña, Betanzos, Mugardos, Ferrol…
Nestes días, nos que con anhelo intentamos planificar a volta á nosa amada actividade, baixo os condicionados das fases de transición para unha nova normalidade, está na nosa man manter o noso comportamento responsable característico tamén ante as novas situacións.
Desde as funcións de ESGa, queremos sinalar algúns aspectos que cremos interesante ter en conta.
Descoñecemos aínda a amplitude das repercusións e os cambios que traerá esta nova situación, pero cremos que será bo que o noso colectivo siga afondando no seu respecto exemplar e característico ao entorno natural e á vida salvaxe.
Por todas partes, vénse observando que a vida salvaxe recupera, en apenas unhas semanas, espazos ocupados habitualmente polo ser humano. Isto non só sucede en vilas e aldeas, senón que tamén é moi probable que se dea en áreas menos desnaturalizadas, como son as zonas de escalada.
É posible que escalemos “máis a vista” ao haber menos magnesio nas presas, que atopemos intransitable o acceso a ese querido sector, ou que raspemos as mallas de estrea para celebrar o retorno ás paredes. É posible que recibamos diversas sorpresas, pero tamén que as deamos.
Aves e outras especies, neste momento poden estar utilizando espazos reprodutivos que normalmente desbotarían pola nosa presenza habitual. Trátase dun uso vital dun espazo fronte a outro uso que seguramente non o é tanto. Agora que planeamos regresar a eles, quizais caiba ter en conta unhas pautas de precaución para os primeiros días de reencontro coas paredes:
Este tipo de pautas poden contribuír a evitar prexuízos no éxito reprodutivo de especies sensibles en situacións non contempladas previamente.
Cada caso particular pode requirir de actuacións diferentes en función da necesidade, capacidade e dos medios dispoñibles, pero a predisposición será o ingrediente principal.
De atoparvos nalgunha situación deste tipo, ESGa pode botar unha man como ten sucedido noutras ocasións. Podedes poñervos en contacto a través de: galicia@escaladasostenible.org