Alegacións PXOM Gondomar

Publicado por ESGalicia o 20/11/2020.

Con motivo do proceso de consulta pública en relación ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Gondomar, o pasado 20 de novembro ESGa presentou a súa proposta para solicitar que se contemple a protección da Serra do Galiñeiro, especialmente en relación á instalación de parques eólicos. 

Ademais dos valores naturais presentes, nesta serra, e en particular no Monte Galiñeiro, leva practicándose tradicionalmente a escalada dende fai máis de 80 anos, constituíndo unha das primeiras zonas en realizar esta actividade, tanto na provincia de Pontevedra como en toda a xeografía galega. A día de hoxe, esta é unha das principais zonas de escalada de Galicia, contando con arredor de 300 vías de escalada, ademais de innumerables pasos de bloque.

Consideramos que a posibilidade da instalacións de enerxía eólica na Serra do Galiñeiro, chocaría directamente coas pretensións do presente borrador do PXOM de Gondomar de manter os valores socioculturais e paisaxísticos, ao tempo que poría en risco os valores de Patrimonio Cultural censados nesta zona, limitando total ou parcialmente tanto a escalada  como outras actividades que se practican, mermando significativamente o desenvolvemento socioeconómico e cultural de toda a comarca.

Por todo isto, as alegacións presentadas por ESGa teñen por obxectivo:

  • Que se retire da documentación deste Plan toda referencia ao potencial eólico da serra do Galiñeiro.  
  • Que o PXOM de Gondomar recoñeza todos os valores desta serra e a necesidade da súa preservación.  
  • Que o PXOM de Gondomar, como documento marco que é, lle outorgue a máxima protección urbanística á Serra do Galiñeiro. 
  • Que se declare o Monte Galiñeiro como ESPAZO LIBRE E ZONA VERDE, según a zonificación do PXOM de Gondomar, ou que se declaren as zonas de escalada como espazos deportivos non convencionais no medio natural conforme a denominación da Lei do Deporte de Galicia.
Monte Galiñeiro
Monte Galiñeiro